|
||||||||
|
16. Creador de documentos PDF Continuando coa tecnoloxía PDF, a seguinte necesidade por cubrir é a de crear documentos PDF. OpenOffice.org conta xa coa función de exportar a PDF; Microsoft Office tamén o fai creando unha impresora virtual; pero ben porque estes creadores de documentos PDF deixan algo que desexar, ou ben para crear documentos PDF dende outros programas, o caso é que precisamos doutra ferramenta. Adobe Systems conta con ferramentas propietarias de pago, pero se non imos crear documentos especialmente complexos (planos superpostos con ortofotos, por exemplo) existen alternativas de programación ceibe mellores, sobre todo no eido da seguridade. A ferramenta base para acadar este obxectivo é Ghostscript, un intérprete das linguaxes PostScript e PDF creado por Laurence Peter Deutsch e actualmente desenvolvido como programación ceibe por Artifex Software coa colaboración da comunidade de programación ceibe. Atópase dispoñible nos cinco sistemas operativos seleccionados. En Ubuntu e Trisquel xa forma parte nativa do sistema; e en Windows NT se pode descargar na páxina web http://sourceforge.net/projects/ghostscript. Trátase dunha ferramenta utilizada por outras ferramentas, e por esta razón carece de interface de usuario. O xeito habitual de utilizar Ghostscript é crear unha impresora virtual, que se amosa xunto co resto das impresoras; cando imprimimos algo nela, créase o documento PDF correspondente. Dado que esta impresora virtual manéxase igual que as demais, non se precisa programa para manexala, senón soamente para creala. En Ubuntu e Trisquel esta impresora créase automaticamente usando o xestor de paquetes Synaptic para instalar (ou reinstalar) o paquete cups-pdf, que depende do paquete cups. CUPS (Common Unix Printing System), creado por Michael Sweet, está actualmente desenvolvido por Apple, Inc. baixo licenza de programación ceibe coa excepción de que permítese programación propietaria enlazada a CUPS que funcione sobre sistemas operativos de Apple. Pola súa parte, en Windows NT necesitamos un programa, e escollemos PDF Creator por ser o de máis ampla implantación e tamén por contar -aínda que non sexa necesaria- cunha interface que obviamente preferimos por ser multilingüe con galego e español. Trátase de programación ceibe, está desenvolvido por Philip Chinery e Frank Heindörfer e pódese descargar na páxina web http://www.pdfforge.org/download. Nas opcións do programa se ofrece a posibilidade de descargar os paquetes de idiomas que desexemos, e de cambiar a lingua da interface. Creado o 29 de xaneiro de 2010 Actualizado o 27 de xullo de 2010 |
||||||||
| [ Selección de lingua | Entrada | Novidades | Críticas de cine | Sistemas informáticos multilingües | Entidades | Curriculum vitae ] | ||||||||